Vistas de página en total

viernes, 13 de junio de 2008

Galicia/Galiza e o Santo dos Croques

MANUEL RIVAS 13/06/2008

Prohibir os croques na catedral de Santiago é unha das decisións máis tristes e erradas na historia da espiritualidade galega. Haberá un antes e un despois dos croques. Dise que é polo deterioro. Mais eu desconfío. Porque logo vai o voceiro do Cabido e di que o Santo dos Croques nin santo é. Lémbrame aquel sermón dun párroco anoxado coa forte crenza popular en San Antón: "Ese tal San Antón, ao lado de Deus, é un ninguén". Hai un certo estrabismo diverxente na Igrexa á hora de tratar cos santos "independentes", elevados á condición de santos polo pobo. Por unha banda, aprovéitase do seu poder de atracción. Por outra, mantennos nun estatus furtivo, provisorio. Agora veñen de despedir de santo ao Santo dos Croques, a mente transmigrada en pedra do mestre Mateo. A pedra da intelixencia.
"Hoxe está confirmado que o Santo dos Croques non é santo e non vai interceder". Con todos os respectos ao señor voceiro do Cabido, isto é negar un dos máis acreditados procesos de santificación, que son os que outorga a empatía popular. Imos falar a serio. É máis santo Josemaría (Escrivá de Balaguer) que o Santo dos Croques? É certo que san Josemaría fundou o Opus Dei, eu non lle quito o mérito, mais el, no mester de pedreiro, dar non deu moita pancada, nin pau a auga deu, aínda que para compensar non daba puntada sen fío. Cando lin o documentado Santos y pillos. El Opus Dei y sus paradojas (Editorial Herder, 1993), de Joan Estruch, cheguei á conclusión non só de que san Josemaría fixera moitos milagres, moitos máis mesmo dos que lle atribúen os seus haxiógrafos, senón de que el mesmo o era, un auténtico milagre. Como dicía Ramiro de Maeztu: "Estamos onde estamos, non é iso un milagre?".
O que non me parece xusto é a diferenza nas varas de medir históricas da Igrexa. Escrivá de Balaguer fixo o Opus, mais o Santo dos Croques fixo a Obra. San Josemaría anda agora polas Alturas como perico pola súa casa. A min tanto me ten. Mais o Santo dos Croques, sen maquinaria rebarbadora, fixo florecer a pedra.
O Santo dos Croques é o Santo dos Rizos. E rizos son os croques das buguinas. O signo informático que chamamos arroba (@) debería ser chamado "croque" en idioma galego. O caso é que Mateo viña de estirpe de pontífices, de galaicos construtores de pontes. E non é logo o Pórtico da Gloria unha ponte entre o Aquén e o Alén? Non había daquela a escisión entre arte e traballo, entre artista e oficio. A experiencia e a sabedoría eran as esixencias para a condición de mestre. A escultura do mestre dos rizos, na parte posterior do Pórtico, neste discreto posto de custodio, semella unha valente e irónica afirmación de autoría. O mestre, sen os intermediarios do poder (eclesiástico e/ou terreal), presenta a obra ao Gran Arquitecto do Universo, en nome dos masóns ou pedreiros libres que a ergueron. Non outro será o selo dos Irmandiños: Deus fratresque gallaeciae. Deus e máis os irmáns galegos. Ou sexa, ninguén entre Deus e nós. Ninguén pode erixirse propietario da voz de Deus. Algo así.
E agora veñen os do Cabido, os presuntos propietarios da Posteridade, e deciden borrar da historia as relacións entre o santo máis popular e o pobo, entre o mestre e as xeracións vindeiras. Nas súas orixes, un santo dos estudantes e dos que viñan na procura da luz. O mapa relixioso galego está inzado de santos e santas milagreiros, e a Igrexa está ben contenta dese patrimonio. E eu estou moi de acordo. Hai que facer unha fronte contra o mundo virtual. A San Andrés de Teixido que vaia de morto quen non foi de vivo. Que non veñan con contos nin con pixeles.
-E que eu xa fixen unha "visita" por Internet!
Nin "visita" nin hostias, dispensando. Ou vas a San Andrés ou non vas a San Andrés. Prohibir os croques na catedral é como cortar a conexión entre a vida terreal e a "realidade intelixente". É substraer ao córtex cerebral o abraio do "estremecemento divino". É desconectar a principal fonte imaxinativa da catedral co hipocampo. A que producía máis "iluminacións". Máis "luces". Por iso, o Santo dos Croques é o santo íntimo da cultura, do humanismo. Curros diría: "Dos que levan na fronte unha estrela". Non estrela partidaria, senón a estrela de Venus, a estreliña do luceiro, a máis cantada na tradición galega. Como ver esa estrela do abrente, como levar esa tatuaxe setestrelada na fronte? Pois dándose os truques no Santo dos Croques.
En España, na actual democracia, mantense unha sorprendente tutela da Igrexa católica sobre un Estado "non confesional" ou laico. Trato de favor económico e fiscal. E, sobre todo, unha submisión simbólica por parte dos políticos. Un dos casos máis escandalosos é o da anual Ofrenda ao Apóstolo, onde o político que toque, en nome do Xefe do Estado, mantén un diálogo de surrealismo espiritista e xeopolítico con Santiago, a quen, por certo, xa lle encargaran unha misión terreal no Campo da Matanza de Clavijo, no ano 844, que ao parecer realizou con gran competencia.
Mais non sería mellor que no canto de manter esa submisa hipoteca do pasado, os oferentes políticos comparecesen o 25 de xullo na catedral para darse con solemnidade os tres truques na testa do Santo dos Croques? E non sería el, o santo elixido polo pobo, o santo das iluminacións, quen mellor os orientase nas encrucilladas e nos conflitos de goberno?
Moitos dos debates que nos ocupan hoxe en Galicia, ou que ocupan artificialmente a realidade galega, non dan nin para un croque. Un repasa nas hemerotecas as polémicas dos últimos anos e é como atoparse diante do que en Portugal chaman "o depósito de monstros". Vellos cacharros amoreados. Todo sería máis apaixonante e útil se existise a obriga dos políticos, xornalistas e opinantes profesionais pasar a revisión do Santo dos Croques. Con tres truques, noviños. Descubririamos que conflitos de aparencia apocalíptica e excluínte teñen doada solución incluínte. Tal é o caso da dualidade Galicia/Galiza. O Goberno de Galicia (Xunta do Antigo Reino de Galiza) podería atender o grave abaneo que nos servizos públicos e nos eidos da economía vai provocar a enxurrada da crise.
Que faremos despois da prohibición? Como será a loita galega polo dereito aos croques? Mañá, día 14, entréganse os primeiros premios nacionais de Galicia en dez eidos do saber e da creación artística. Foron outorgados neste caso por un xurado amplo, plural, nada sectario, e coido que neses todos nomes (Isaac Diaz Pardo, Diaz Fierros, Margarita Ledo, Paco Leiro, Manuel Lourenzo, Méndez Ferrín, Manuel Gallego, Mercedes Peón) aflora a estirpe do mestre Mateo. A dos que fan pontes. Entre o pasado e o presente, a razón e a imaxinación, a perda e o afecto. A xente dos croques, o país da iluminación. Que faremos se nos privan dos croques, se nos secuestran a Mateo? Haberá que pedirlle a Leiro que fale coa pedra, que procure unha outra de textura nerviosa, co misterio na cerna, e que labre un novo mestre Mateo, en praza pública, ceibe dos poderes escuros, e libre subministrador de croques e estrelas do luceiro.
Tomado de: http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Galicia/Galiza/Santo/Croques/elpepuespgal/20080613elpgal_23/Tes

1 comentario:

  1. Hi there,I enjoy reading through your article post, I wanted to write a little comment to support you and wish you a good continuation. All the best for all your blogging efforts.

    ResponderEliminar